Luns 10 de novembro
Examinádeo todo (1 Tes. 5:21).
A palabra grega que se traduce neste versículo como “examinádeo” está relacionada coa maneira de comprobar a autenticidade dos metais preciosos. Polo tanto, temos que examinar o que escoitamos e o que lemos para asegurarnos de que é verdadeiro. Isto será aínda máis importante para nós a medida que se acerque a gran tribulación. En vez de crer todo o que nos din, temos que usar a nosa capacidade de pensar para comparar o que lemos e o que escoitamos co que di a Biblia e a organización de Xehová. Se facemos isto, non nos deixaremos enganar polas trampas dos demos (Prov. 14:15; 1 Tim. 4:1). Sabemos que, como pobo, os servos de Deus sobrevivirán á gran tribulación. Pero non sabemos que nos vai pasar a cada un de nós individualmente (Sant. 4:14). Aínda así, tanto se pasamos con vida a gran tribulación como se morremos antes, recibiremos a recompensa da vida eterna se nos mantemos fieis. Polo tanto, centrémonos na nosa marabillosa esperanza e esteamos preparados para o día de Xehová! w23.06 páx. 13 pars. 15, 16
Martes 11 de novembro
Nada fai sen descubri-lo seu propósito ós seus servos (Amós 3:7).
Non sabemos como se van cumprir algunhas das profecías da Biblia (Dan. 12:8, 9). Pero que non entendamos exactamente como se vai cumprir unha profecía non significa que non se cumpra. Podemos estar seguros de que Xehová nos axudará a entender todo o que necesitamos ó seu debido tempo, tal e como fixo no pasado. As nacións proclamarán “paz e seguridade” (1 Tes. 5:3). Despois diso, os gobernos do mundo atacarán e destruirán a relixión falsa (Apoc. 17:16, 17). A continuación, virán contra o pobo de Deus (Ezeq. 38:18, 19). Estes sucesos farán que empece a guerra final de Harmaguedón (Apoc. 16:14, 16). Temos a seguridade de que todo isto sucederá moi pronto. Ata entón, podemos seguir demostrando o agradecidos que estamos ó noso Pai celestial se prestamos moita atención ás profecías da Biblia e se axudamos a outros a facer o mesmo. w23.08 páx. 13 pars. 19, 20
Mércores 12 de novembro
Amémonos uns ós outros, porque o amor vén de Deus (1 Xoán 4:7).
Cando o apóstolo Paulo falou da fe, da esperanza e do amor dixo que destas tres calidades “a meirande é o amor” (1 Cor. 13:13). Por que dixo isto? No futuro, non necesitaremos ter fe nin esperanza porque as promesas de Deus sobre o novo mundo xa serán unha realidade. Pero sempre necesitaremos ter amor por Xehová e polas demais persoas. De feito, o noso amor por eles seguirá medrando para sempre. Ademais, o amor identifícanos como cristiáns verdadeiros. Xesús díxolles ós seus apóstolos: “Nisto coñecerán todos que sóde-los meus discípulos: se vos tedes amor uns a outros” (Xoán 13:35). Outra razón é que ese amor nos mantén unidos. De feito, Paulo dixo que “é o lazo que todo o une” (Col. 3:14). O apóstolo Xoán escribiulles ós seus irmáns: “Que quen ama a Deus, ame tamén a seu irmán” (1 Xoán 4:21). Cando amamos os nosos irmáns demostramos tamén que amamos a Deus. w23.11 páx. 8 pars. 1, 3